Crónicas da viaxe a Burela

INTERCAMBIO XALLEIRO-BURELENSE  (por Iria Rodríguez Lema, 2ºB)

 O pasado venres 4 de maio, o alumnado de 2º ESO do IES Terra do Xallas subiamos ao bus no que dúas horas e media máis tarde chegaríamos á vila mariñeira de Burela. Todo comezou sobre as nove menos dez dun día moi ameno que estaba a piques de empezar. Non vamos a negar que a viaxe foi longa, pero cun pouco de música e boa compaña todo se arranxa. Se as contas non me fallan, chegamos a Burela sobre as 11.30 da mañá.

Xa alí, ao baixar do bus xa nos agardaban Bernardo e Miruca, os profesores de Burela que organizaron este intercambio. Despois de pasar un anaco no patio do instituto, fomos visitar a primeira parada do noso intercambio. Tras unha “viaxe” en bus duns cinco minutos, chegamos á fábrica de cerámica de Sargadelos, onde o profesor Bernardo nos contou un pouco da súa historia. A seguir, adentrámonos no lugar onde se levan a cabo estas verdadeiras obras de arte, onde unha guía nos explicou dunha forma sinxela todo o proceso polo que se someten os produtos. Como non, despois de ver as entrañas da fábrica, dispuxémonos a ir á tenda onde puidemos encontrar todo tipo de xoias, accesorios e decorativos, feitos con este tipo de cerámica tan única. Pero non só era unha tenda, senón que tamén había unha pequena sala de exposicións con obxectos de moitísimas partes do país e do estranxeiro.

Tras esta amena visita, fomos de volta para o IES Perdouro, onde tivemos unha pequena pero acolledora e moi interesante charla na biblioteca do instituto, e na que aprendemos moitas cousas sobre esta vila. Aínda que por escrito todo isto pareza moi breve, con todo o que fixemos xa estabamos sobre a unha e media do mediodía e, para ser franca, con bastante fame. Tras uns minutos de espera nos que aproveitamos para sacar fotos, estabamos todos e todas sentadas nas cadeiras da aula-comedor que arranxaran para nós podermos comer alí. Podedes pensar que soamente foi comer e xa está, pero non, foi un dos momentos máis entrañables, onde ademais de disfrutar dun delicioso banquete todos xuntos, ao finalizar tivemos unha especie de “foliada” onde cantamos tanto cancións caboverdianas –xa que unha gran parte da poboación de Burela é desta nacionalidade- como aquelas propias de Galicia, como a mítica “Saia da Carolina” acompañada dunha moi boa música de gaita interpretada por alumnos e alumnas do Perdouro.

A continuación, tras unha pequena camiñada polas rúas de Burela, chegamos a unha fermosa praia, que debido a que non estamos no verán, atopábase case baleira, polo que puidemos gozar dunhas horas de moitísima diversión. Houbo xente que preferiu quedar mirando o fermoso mar dende a area, outra xogou ó fútbol, outra escolleu as pás ou o “frisbee” e a maioría participou nun divertido partido de brilé no que “infelizmente” gañaron os do Perdouro…

Tras esta bonita rivalidade, dirixímonos á lonxa. Paseámola enteira. Unha graciosa anécdota é que a todos os xalleiros nos parecía que ese olor a peixe era moi forte, pero aos burelenses parecíalles moito máis agresivo o olor da granxa que visitaran en Santa Comba hai tres semanas.

Despois de visitar rapidamente a lonxa, fomos camiñando ata unha pequena praia que estaba moi preto desta. Alí, ademais de descansar un pouco, fixemos un “vídeoclip” coa canción caboverdiana que nos ensinaran na hora do xantar. Hai que dicir que só sabiamos un par de palabras, polo que inventamos un chisco, pero todo isto foi moi divertido, xa que todos xuntos en círculo estabamos a cantar sen saber a canción, pero pasándoo xenial. Lodo da “esixente gravación”, moi amablemente os profesores do Perdouro trouxéronnos a comida que sobrara de mediodía, e ninguén de nós lle fixo ascos, pois tras os xogos, as camiñadas…tomar un anaco de empanada fronte ó mar, foi cando menos reconfortante. Pero xustamente cando mellor o estabamos a pasar, merendando ao mesmo tempo que escoitabamos música e o pasabamos moi ben cos e cas compañeiras, a hora da despedida estaba a chegar. E como non, outra vez os nosos amigos burelenses nos deron unha grata sorpresa: unha bolsiña cuns agasallos moi apetecibles, e na que non podía faltar un bote de bonito que, na miña opinión, estaba boísimo.

A xornada chegaba ao seu fin tras a entrega dos agasallos e unha cálida despedida na que non faltou moita emoción e pena, posto que xa fixeramos amizades ás que esperamos volver a ver de contado. Chegamos de volta pasadas as dez e media da noite.

Ata aquí unha pequena crónica da nosa viaxe a Burela, pois todo o que vivimos nesta vila con todos os nosos novos amigos e amigas non se pode describir nun só texto.

 

CRÓNICA DA VIAXE A BURELA (por Joel Ameijeiras Grille, 2ºA) 

4 de maio de 2018. Levantámonos á hora de sempre, xa que iamos partir cara Burela sobre as 8.50 da mañá, hora en que empezan as nosas clases. A viaxe durou sobre dúas horas e media.

Cando chegamos ao noso destino –IES Perdouro- fomos xogar á pista do instituto. Máis tarde dirixímonos alumnos e profesores do IES Terra do Xallas á fábrica de Sargadelos. Xunto a nós viña o profesor Bernardo do IES Perdouro. Alí quedamos fascinados coa cantidade de cerámica que había e o difícil que é facela. Cando acabamos volvemos ó IES Perdouro onde nos estaban agardando para facernos unha pequena introdución de Burela. Recibíronnos o Director do centro, o alcalde de Burela e dúas profesoras de Lingua Galega. Creo que todos nos quedamos cos datos máis importantes, como que ten unhas 40 nacionalidades diferentes –destaca en primeira posición Cabo Verde- e que se proclamaron concello independente no 1994. Nese mesmo ano produciuse a “Guerra do Bonito”, na que os habitantes de Burela demostraron que os mariñeiros franceses estaban facendo trampas cos seus barcos.

Cando acabou esta introdución sobre Burela, fomos comer todos xuntos a un improvisado comedor que tiñan no colexio. Alí comemos, falamos e, antes de saír para a praia, estivemos un tempo disfrutando duns rapaces e dunhas rapazas que se atreveron a cantar diante nosa. Cantaron temas como A saia da Carolina ou Txika é bonita.

Ao acabar esta fabulosa actuación, dirixímonos cara a praia, iso si, todos a pé, que había que mover algo os músculos. Chegamos e xogamos ó fútbol, brilé…

Logo fomos visitar a lonxa, había bo pescado, era fresco… Finalmente, na praia do Perdouro, estivemos falando, divertíndonos e tamén despedíndonos, cousa que nos custou moito facer porque queriamos seguir con eles e elas.

Volvemos a casa sobre as 10.30 da noite. Gustaríame repetir esta viaxe para o ano que ven porque valeu moito a pena. A ver se convencemos os profes!!!

 

INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO-CULTURAL: DESTINO BURELA (por Kayla Vilariño Pombo, 2ºB)

O 4 de maio de 2018 tocábanos a nós ir a Burela, xa que da outra vez viñeran os rapaces e rapazas do IES Perdouro a Santa Comba. Tivemos que chegar ao instituto moi puntuais, pois a viaxe duraría dúas horas e media e non había tempo que perder. Na viaxe de ida pasámolo moi ben, cantando, rindo, escoitando música…

Chegamos a Burela aproximadamente ás once e media. Fomos ao instituto Perdouro a estirar as pernas ou merendar. Aínda non puidemos ver aos rapaces, xusto do que todos tiñamos moitas ganas. Volvemos a marchar para visitar a fábrica de cerámica de Sargadelos. Alí dividímonos en dous grupos: uns irían á fábrica onde se elaboran as figuras e outros irían ao museo-tenda. Na fábrica había que andar con moito coidadiño porque cun descoido podías romper algo. Explicaron o proceso de elaboración: métese a masa en moldes para facer a figura, cando secan píntanse algunhas con spray e outras á man –que son as que teñen máis mérito- e despois recóbrense dun verniz que deixa brillante a peza. Isto último sorprendeunos porque cando se somerxía a peza, as cores desaparecían. Ao final, púlense as pezas e xa están listas para vender. Unha vez na tenda todos puidemos observar que as cousas eran moi caras, pero eu compreille un colgante ben bonito para a miña nai, pois xa estaba cerca o día da nai e así tiña un recordo de Sargadelos.

Reencontrámonos todos, do que todos tiñamos moitas ganas, aínda que ao principio a vergoña podía connosco…Fomos comer á sala de música onde, ao final, nos deron unha grata sorpresa cantándonos a canción de Txika Bonita e a da Saia da Carolina, que cantamos todos. Despois fomos todos xuntos andando ata a praia, onde xogamos ó brilé, os de Santa Comba contra os de Burela. Alí teñen outra forma de xogar porque cando era eliminada a xente do outro equipo, esta podía estar de arredor. Para máis, xogabamos con dúas pelotas. No final, quedaron Hugo e Adrián Gerpe no campo e gañaron os de Burela.

Despois de xogar na praia, fomos visitar a lonxa. Ulía moi forte –peor que as vacas- pero os de Burela dicían o contrario.

Para rematar fomos a outra praia onde nos gravaron cantando “chica bonita”. Déronnos un aperitivo, un regalo e…chegou o peor momento: a hora de despedirnos. Houbo moitos abrazos. Todos nos puxemos de acordo en que había que convencer aos profesores para repetir o intercambio o ano que ven porque entre nós entrelazouse unha forte amizade.

 

 

 

 

Radio Burela: especial IES Terra do Xallas

Como resultado do primeiro encontro en Santa Comba entre o alumnado de 2º ESO do IES Terra do Xallas e o do IES Perdouro de Burela, dentro do marco dun intercambio lingüístico-cultural realizado ao amparo de ambos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Radio Burela dedicoulle un programa especial ao IES Terra do Xallas. En representación de todo o noso alumnado de 2ºESO falaron Valeria Amarelle Capelo e María Blanco Mariño. Entrevistaron tamén a dúas alumnas de 4ºESO: Ana Sueiro Moura, por ter sido campeona galega en hípica, e Ainhoa González Baña, que foi subcampeona galega e española en Caribbean Show Dance. Finalizaron a entrevista José Manuel Vázquez, Técnico de Xuventude do Concello de Santa Comba, e Ana Isabel López, coordinadora do EDLG do IES Terra do Xallas.

Preme aquí para escoitar o programa

Intercambio co IES Perdouro de Burela

O pasado venres 13 de abril o alumnado de 2º ESO tivo unha xornada diferente, xa que recibiu ao alumnado de 2º ESO do IES Perdouro, de Burela, dentro dun proxecto de intercambio lingüístico-cultural organizado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e as Vicedireccións de ambos os dous institutos.

A recepción tivo lugar ás 11 da mañá no Salón de Actos, onde ademáis das palabras de benvida do director, Modesto Refojo, a profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Aurora Puentes, fixo unha descrición das características da contorna, comparándoa coa zona burelense e mostrando unha boa selección de imaxes. Despois deste acto de benvida e dun pequeno receso na cafetería, o alumnado e profesorado do IES Perdouro foi visitar a granxa SAT Os Agros (Alvarín), unha das 502 explotacións gandeiras do municipio. A visita foi moi didáctica grazas a María Ramos, dona da granxa.

O xantar-convivio tivo lugar na vivenda comunitaria, pois non podiamos arriscarnos a comer ó aire libre. Pero á final tivemos unha tarde soleada, ou fomos nós atrás do sol, porque o pillamos de cheo na fervenza do Ézaro, final do noso río Xallas. E tamén final da nosa primeira xornada de intercambio. A segunda xornada será o próximo 4 de maio, cando o 2ºESO de Santa Comba viaxe ata Burela para visitar ás súas novas amigas e amigos.

 

MIRLITÓNS E CARRIZOS

IMG_2475

Alumnado de 2ºESO facendo mirlitóns de cana

O alumnado de 2º ESO participou o día 20 de abril nun obradoiro de enredos musicais, impartido polo músico Emilio Lois. As rapazas e rapaces aprenderon a fabricar trebellos musicais da mesma maneira que facían os nenos desde moi antigo, utilizando materiais naturais como a cana, noces, abelás ou pólas de salgueiro. Nunha sesión de clase, repartido en dúas tandas, o alumnado conseguiu facer mirlitóns de cana e carrizos –tamén chamados rás polo ruído que fan.

IMG_2472

Ismael Ferrín mostrando o seu enredo musical: un carrizo

IMG_2458

Emilio Lois impartindo o obradoiro

 

O galego é a nosa casa: con portas para o interior e portas para o exterior

O galego no mundo empresarial

Actividade organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística para todo o alumnado do Ciclo Superior de Administración e Finanzas e Ciclo Medio de Xestión Administrativa.

No contexto de Santa Comba podemos dicir que o galego é a nosa casa. Así, como na propia casa, temos portas para o interior e portas para o exterior. Con esta doméstica metáfora, José Ramom Pichel –empresario informático- tentou facernos ver o gran potencial empresarial que temos en Galicia por ser o único territorio no mundo que domina as dúas linguas románicas máis faladas no mundo: o castelán e o portugués-galego (ou galego-portugués, ou galego; como se queira).

Non somos conscientes de que a través do galego conectamos internacionalmente con máis de 200 millóns de persoas, cando noutros territorios, por exemplo Extremadura, si saben que aprender portugués abre moitas portas. De feito, a Junta de Extremadura promociona o estudo do portugués.

Afortunadamente comeza a asociarse innovación co galego en certos sectores como o da sustentabilidade, novas enerxías e novas tecnoloxías da información.

 

 

Non perdamos as orixes

 

 

NON PERDAMOS AS ORIXES é o lema do noso calendario escolar para o ano 2018. Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos agradecer a todas aquelas alumnas que participaron no concurso de fotografía, xa que só elas fan posible a realización das actividades dinamizadoras.

A autora da fotografía gañadora é Ainhoa González Baña, alumna de 4ºA, quen demostrou ter desenvolvido un looongo proceso creativo. Parabéns!

Antigo alumno do Terra do Xallas fala para o Portal Galego da Lingua

Kevin Tomé, antigo alumno do IES Terra do Xallas, mostra unha perspectiva global -internacional- da lingua galega. Podes ler aquí a entrevista que lle fixo o PGL: Kevin Tomé: “O galego é uma oportunidade”