E ti, como ligas en galego?

Amores prohibidos 2.0

O Grupo Chévere pon en marcha un experimento teatral en colaboración co IES A Cachada de Boiro.

Romeo e Xulieta, o clásico de Shakespeare sobre o amor, o odio e a reconciliación. Mais desta volta o relato trasládase á historia e o tempo no que vivimos: Xulieta e Romero estudarán nun instituto dunha vila galega no ano 2012. E o enfrontamento orixinal entre Montescos e Capuletos servirá para achegarse ao conflito lingüístico, xa que logo: grupos enfrontados polo uso da lingua, uns galegofalantes e outros castelán falantes, serán os protagonistas. Así o explican desde RedeNasa.tv.

A función vaise desenvolver durante 6 días -aproximadamente o tempo narrativo que emprega Shakespeare na obra orixinal para contar a historia- entre o 23 e o 27 do mes de abril.

O público pode seguir o relato no sitio específico creado dentro de RedeNasa.TV, : Amores Prohibidos 2.0 e tamén a través doutras redes sociais como Tuenti, Facebook ou Twitter. Cada personaxe terá un perfil en Redenasa e nas redes que máis se lle axeiten, e contará a historia mediante diálogos, fotos ou vídeos que eles mesmos suban. Como apoio existirá a figura dun narrador, Xespir, encargado de comentar o que fagan ou digan os personaxes.

Podes seguir (e falar, aínda que non estarás a intervir directamente no relato):

-A través do web http://redenasa.tv
-A través da conta de Facebook: http://www.facebook.com/redenasa
-A través do usuario de Twitter: @redenasa
-Buscando no Tuenti ao usuario Xespir

Podes participar na conversa e enviar material:

-Deixando comentarios no microsite dedicado ao proxecto a través de http://redenasa.tv
-Engadíndolle o hashtag #amoresprohibidos20 ás mensaxes de Twitter dirixidas ao proxecto.

Que pretendemos facer desde o Equipo de Normalización?

En primeiro lugar, animar ao alumnado a participar nesta actividade. Por outra banda, aproveitando o video promocional da actividade  “ E ti, como ligas en galego?” ( consultar a ligazón http://redenasa.tv/video/e-ti-como-ligas-en-galego/ ), pois desde o Equipo pretendemos realizar esa mesma actividade co alumnado e incluso estendela ao seu ámbito familiar, dándolle a seguinte forma:

  1. Nos cursos que se considere (preferentemente 2º e 3º ESO), visualizaremos  o vídeo de promoción “ E ti, como ligas en galego?”. Sería nas clases de EPV, de Galego ou nalgunha clase dos membros do ENDL.
  2. Permitiriámoslle, a alumnado responsable, o uso da cámara para, nos recreos, entrevistar ás/aos compañeir@s realizando a pregunta: “como ligas en galego?”. Tamén poderían gravar, fóra do centro e con outra cámara ou co seu móbil,  preguntándolle á/ao nai/pai ou avoa/avó como conquistaron á súa parella?

(duración máxima cada gravación: 2 minutos)

  1. As gravacións que foran facendo co seu móbil ou cámara deberían traela nun lapis de memoria facéndolla chegar a alguén do equipo ou do departamento de Plástica. Se a gravación foi feita coa cámara do centro, encargaríase o coordinador do ENDL de recoller as gravacións.
  2. Faríase unha escolma dos vídeos/sons, e procuraríase, na semana das letras galegas ter un acto no que se emitise o resultado final desta actividade.
  3. Se consideramos que algún dos vídeos é susceptible de subir á páxina de redenasa.tv animaremos ao alumnado a que así o faga.

Deixar un comentario